20 de January, 2022
Un dos problemas ambientais primordiais a que se enfronta a nosa sociedade na actualidade é a loita contra o cambio climático. Aínda que este se presenta como un fenómeno de dimensións globais que debe ser abordado no ámbito internacional, o feito é que a súa solución pasa, necesariamente, polo traballo conxunto de todos os sectores da sociedade, incluídos os diferentes niveis administrativos e, dentro destes, mención especial merece o labor dos concellos pola súa proximidade e relación directa cos cidadáns.
A Comisión Europea puxo en marcha en 2008 o Pacto dos alcaldes (Covenant of Mayors), unha iniciativa aberta a todas as cidades e municipios en Europa co obxectivo de involucrar as autoridades locais e os cidadáns no desenvolvemento e na aplicación da política enerxética da Unión Europea. A partir do éxito do Pacto dos alcaldes, en 2014 lanzouse a iniciativa Mayors´ Adapt, baseada no mesmo modelo de xestión pública, mediante a cal se invitaba as cidades a asumiren compromisos políticos e tomaren medidas para anticiparse aos efectos inevitables do cambio climático.
O 15 de outubro de 2015, a Comisión Europea lanzou o Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía (Covenant of Mayors for Climate & Energy), fusionando as iniciativas anteriores. Esta nova ferramenta pretende reunir os alcaldes das cidades europeas nunha rede permanente de intercambio de información para a aplicación de boas prácticas: mellorar a eficiencia enerxética no ámbito urbano, conseguir unha redución das emisións de CO2 no ámbito territorial local e aumentar a resiliencia fronte ao cambio climático. O Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía consiste no compromiso dos concellos signatarios de facer propios os obxectivos da Unión Europea para o ano 2030 e reducir as emisións de CO2 no seu territorio en, polo menos, o 40 % a través de medidas de eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxía renovable, traballando pola súa vez na implantación de medidas de adaptación ao cambio climático e aumento da resiliencia fronte a el, así como un aumento da cooperación coas autoridades locais e rexionais similares na UE e fóra dela para mellorar o acceso á enerxía segura, sustentable e alcanzable. Para alcanzar estes obxectivos, os municipios adheridos ao Pacto comprométense a redactar un Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES), nun prazo máximo de dous anos desde a data de adhesión. O PACES inclúe un inventario de referencia de emisións (IRE) e unha avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático. Ademais, cada dous anos deberase presentar un informe de seguimento do PACES.
A tal efecto a Orde do 5 de maio de 2020 estableceu as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais asinantes do Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía sustentable, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, en réxime de concorrencia non competitiva, para o ano 2020. (DOG nº 93 de 14 de maio de 2020). O Concello de Bergondo foi beneficiario dunha subvención ao abeiro da orde citada.
De acordo co anterior, fíxose necesario que o noso concello impulsara os traballos necesarios para a redacción dun Plan de Acción para o Clima e Enerxía Sustentable. A tal efecto o 11/11/2020 aprobouse, por unanimidade, en Sesión Plenaria o “PLAN DE ACCIÓN PARA O CLIMA E A ENERXÍA SUSTENTABLE DO CONCELLO DE BERGONDO (PACES BERGONDO)”.
DESCRICIÓN XERAL DO PROXECTO
A actuación realizada consistiu na redacción dun documento denominado “PLAN DE ACCIÓN PARA O CLIMA E A ENERXÍA SUSTENTABLE DO CONCELLO DE BERGONDO (PACES BERGONDO)”.
O Concello de Bergondo, como asinante do Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía Sustentable, adquiriu o compromiso da redacción dun plan de acción propio PACES BERGONDO para a implantación dos obxectivos en materia de clima e enerxía da Unión Europea.
Os contidos do documento comprenderon:
a) Un inventario de referencia de emisións (IRE) para facer o seguimento da súa efectividade das accións de mitigación.
b) Unha avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático.
c) As medidas previstas para reducir e limitar as emisións de gases de efecto invernadoiro e prepararse para os impactos do cambio climático.
O PACES é un documento chave que amosa como os asinantes do Pacto van a cumprir os seu compromisos de redución de emisións. Utiliza os resultados do Inventario de Referencia de Emisións (IRE) para identificar os mellores ámbitos de actuación e as mellores oportunidades para acadar o obxectivo de redución de CO2 das autoridades locais. Tamén define as medidas de redución concretas, xunto cos prazos e as responsabilidades asignadas, que traducirán a estratexia a longo prazo en accións.
Será especialmente importante para o cumprimento dos obxectivos de redución de emisións que as autoridades locais xoguen un papel exemplar e que, consecuentemente, tomen medidas excepcionais relativas aos propios edificios, instalacións, flota de vehículos, etc.
O alcance dos contidos do “PLAN DE ACCIÓN PARA O CLIMA E A ENERXÍA SUSTENTABLE DO CONCELLO DE BERGONDO (PACES BERGONDO)” cumpriu cos obxectivos descritos e, en particular, comprendeu os seguintes apartados, seguindo as recomendacións das guías establecidas a estes efectos:
1) Resumo executivo do PACES.
2) Estratexia global.
A. Obxectivos e metas
B. Marco actual e visión de futuro
C. Aspectos organizativos e financeiros:
• Estruturas de coordinación e organizativas creadas/asignadas
• Persoal asignado
• Participación das partes interesadas e dos cidadáns
• Orzamento
• Recursos financeiros previstos para as inversións establecidas dentro do plan
• Medidas planificadas para o seguimento de resultados
3) Inventario de Referencia de Emisións e información relacionada, incluíndo a interpretación dos datos
4) Accións e medidas planificadas para todo o período de duración do plan.
· Estratexia a longo prazo, obxectivos e compromisos.
· Accións a corto/medio prazo. Incluíndo para cada acción:
• Descrición.
• Departamento responsable, persoa ou compañía.
• Calendario de execución (fin-comezo, principais fitos).
• Estimación de custes.
• Estimación do aforro enerxético/aumento de produción de enerxía renovable.
• Estimación da redución de CO2.
A elaboración do PACES realizouse pola asistencia técnica externa contratada a estes efectos Sicasoft Solutions, S.L.) en colaboración co Concello, correspondendo a éste as labores de supervisión e achega da información necesaria, e á asistencia externa todas as labores necesarias para a confección do documento co alcance descrito no apartado anterior e que de forma resumida consistirán en:
• O axuste de criterios xerais conxuntamente ao Concello, especialmente no referido a:
o Obxectivos. o Criterios para a redacción do inventario de emisións de CO2.
o Tipoloxía de solucións propostas para a redución das emisións de CO2.
o Compromisos temporais asociados.
• A recompilación da documentación necesaria para a análise do marco actual e para a confección do inventario de emisións de CO2.
• A redacción do Plan. Unha vez rematado o Plan procederase á súa presentación no sitio web do Pacto.
Concello de Bergondo - Estrada A Coruña, 12 15165 - Bergondo (A Coruña)
CIF P1500800F
Telf. 981 79 12 52 - Fax 981 79 42 33